Tuesday 14 de May de 2024

O concello oferta 6 prazas para que os mozos laracheses participen nun programa de voluntariado mediambiental en Portugal


A preinscrición debe formalizarse ata o xoves cubrindo o formulario dispoñible na web municipal.

O Concello oferta seis prazas para que mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos participen nun programa de voluntariado medioambiental que se vai celebrar durante quince días, do 8 ao 22 de setembro, entre as localidades portuguesas de Porto, Gondomar, Paredes e Valongo.

Trátase dunha iniciativa da Asociación para a Cidadanía Europea “Caravela” do país veciño, que conta co financiamento da Unión Europea e que estará centrada no desenvolvemento de accións de preservación da natureza e na promoción de comportamentos medioambientalmente sostibles, ademais de abordar a inclusión e a diversidade como desafíos sociais.

O programa contempla polas mañás actividades relacionadas coa temática do proxecto tales como charlas informativas e ponencias, entre outros eventos. Polas tardes realizaranse visitas culturais.
A inscrición é gratuíta para os participantes, xa que a organización asumirá integramente os custos do transporte, aloxamento, manutención e de todas as actividades que se desenvolvan nesas dúas semanas.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deben formalizar a súa preinscrición cubrindo en liña o formulario que está dispoñible na web www.alaracha.gal ata este xoves (10 de agosto). Os únicos requisitos son estar empadroado no termo municipal da Laracha, ter entre 18 e 30 anos e dispoñer da tarxeta sanitaria europea. En caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, farase un sorteo público para outorgalas.

A participación da Laracha neste proxecto é froito das relacións establecidas polo Concello con outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas no marco do programa Europe for Citizens co apoio da Unión Europea.